O Centro de Atención a Persoas Maiores do Concello de Dodro está ubicado no alto da parroquia de Laíño, dende onde podemos apreciar unhas boas vistas das brañas do Sar.

O edificio onde nos atopamos é unha casa reitoral que foi rehabilitada con moito gusto e onde os maiores desfrutan dun ambiente rural e moi acolledor onde poder relacionarse e realizar actividades do seu interese.

O equipo de traballo axúdalles a previr a dependencia e desenvolverse plenamente, sentíndose respectados e coa maior autonomía posible. Temos un patio exterior cuberto por unha viña que no verán dá unha sombra estupenda e onde pasamos moi bos momentos, como o xantar e a foliada do San Xoán.

Pero non todo é festa. Traballamos a reo todo o ano para o benestar das persoas usuarias e os seus familiares, ofrecendo asesoramento sobre todo o relacionado co envellecemento saudable e a prevención da dependencia. Tamén amosando as ferramentas técnicas e psicolóxicas para afrontar da mellor maneira posible os retos que se nos poñan por diante.

XUNTAS MÁIS FORTES!

Na actualidade somos 41 persoas usuarias do servizo e a familia se completa con 1 psx, 8 xerocultoras, 1 enfermeira, 1 terapeuta ocupacional, 1 psicóloga, 1 traballadora social e 1 educadora social e directora.